Amosando publicacións coa etiqueta Inicio. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Inicio. Amosar todas as publicacións

martes, 12 de marzo de 2024

III Premio de Literatura Infantil Simbad para o recordo e o alzhéimer


O III Premio de Literatura Infantil Simbad para o recordo e o alzhéimer está dirixido a persoas maiores de idade que presenten orixinais inéditos en galego de calquera dos seguintes xéneros, sempre respectando o código de literatura infantil e coas claves de seu que esta literatura comporta: novela, poesía, teatro, álbum ilustrado e novela gráfica.

O prazo de presentación de orixinais estará aberto entre o 5 de marzo e o 1 de xullo.

A resolución do xurado farase pública en setembro, Mes do Alzhéimer.



 BASES

luns, 4 de marzo de 2024

LINGUA DE NAMORAR 2024

Lingua de namorar é un concurso en liña de mensaxes de amor en lingua galega dirixido a todos os mozos e mozas de 14 a 35 anos. 

Para participar no concurso nas categorías A (de 14 a 19 anos) e B (de 20 a 35 anos) só cómpre cubrir e enviar este formulario. As mensaxes que participen nestas dúas modalidades publicaranse na páxina do concurso:

http://xuventude.xunta.es/linguadenamorar

Para participar na categoría C (exclusiva para Instagram) cómpre ser seguidor/a de @xuventudegalicia e de @linguagalega.

As mensaxes publicaranse directamente na imaxe habilitada para o concurso #LinguaDeNamorar no perfil @xuventudegalicia. No texto indicarase en primeiro lugar un cancelo que recolla o título e despois a mensaxe. Ao final da publicación engadirase o cancelo #LinguaDeNamorar. Etiquetaranse tamén dúas amizades de IG.

Cada participante poderá enviar ata dúas mensaxes, cunha extensión máxima de 350 caracteres no caso das categorías A e B e 200 caracteres na categoría C (de Instagram), incluídos os espazos en branco.

Establécense tres premios por cada unha das categorías de idade A e B:

- 1º Patinete eléctrico
- 2º Altofalante bluetooth JBL
- 3º Cascos sen fíos

Establécese un premio para a categoría C:

- 1º Patinete eléctrico

Máis info


xoves, 22 de febreiro de 2024

EXPOSICIÓN DO DEPORTE GALEGO NO CIFP A FARIXA

Durante todo o mes de febreiro temos no CIFP A Farixa unha exposición sobre o deporte galego. Se aínda non a viches, estás a tempo. Carteis de grande formato sobre deportistas galegos, as seleccións deportivas galegas, as pioneiras e os pioneiros do deporte, as mulleres no deporte, os deportes propios...
















xoves, 8 de febreiro de 2024

7º CONCURSO DE MICRORRELATOS

A Asociación PuntoGal e a Real Academia Galega teñen aberto, até o 29 de febreiro, o prazo para participar no VII Concurso de microrrelatos. Ambas as institucións premiarán as nove mellores composicións de 200 palabras como máximo que se presenten nas categorías infantil (ata os 11 anos), xuvenil (de 12 a 17 anos) e de persoas adultas.

Hai moitos premios: Nintendo Lite, Nintendo Switch, MacBook Air, Kindle, lotes de libros...



BASES

venres, 2 de febreiro de 2024

CONCURSO BALBINO DE RELATOS 2024


O Concurso Balbino de Relatos está aberto a todas as persoas de calquera nacionalidade e idade que presenten en lingua galega os seus traballos escritos de temática relacionada co rural, co mar ou coa emigración.

A obra presentanda poderá estar composta dun único relato ou de varios, sempre cunha extensión entre 100.000 e 200.000 caracteres.

Establécese un premio de 1500 euros e a publicación da obra por Edicións Fervenza.

O prazo de presentación remata o 28 de xuño de 2024.

BASES

luns, 29 de xaneiro de 2024

ENTROIDO 2024 NO CIFP A FARIXA

O entroido do CIFP A Farixa vén aí, e queremos avisar con tempo de sobra para que prepares o teu disfrace. Por iso é que empapelamos o instituto co cartel deste ano, cos mandados do meco e coa convocatoria para que participes no karaoke entroideiro e no concurso de disfraces do día 9, venres, que se celebrará entre as 10 e as 11:30 da mañá diante da cafetaría. O tema do disfrace é libre e hai premios, pero tenta ser orixinal. Aqueles disfraces que estean relacionados coa cultura galega terán máis posibilidades de gañar o concurso. 



martes, 9 de xaneiro de 2024

1ª Reunión do club de lectura

Este venres, en horario de 10:45 a 11:30, teremos o pracer de contar no CIFP A Farixa co autor ourensán Juan Tallón, cuxa obra Rewind foi obxecto de lectura neste primeiro trimestre do curso. Cunha longa traxectoria ás súas costas pragada de recoñecementos ao seu talento, como os premios Pastor Díaz de novela, por A autopsia da novela, o premio Modesto Figueiredo, por Era el, ou o premio de novela curta Manuel Lueiro Rey, por A pregunta perfecta, Juan preséntase no noso instituto para departir cos integrantes do club de lectura sobre a súa obra Rewind, publicada en galego e castelán por Anagrama. Unha novela que nos presenta un acto tráxico que mutilará a vida dos protagonistas para sempre, deixando unha pegada indeleble nas súas conductas e pensamentos. 


 

xoves, 14 de decembro de 2023

II Premio de Oratoria en Formato Podcast "Ramón Otero Pedrayo"

Se tes entre 15 e 25 anos e che gusta o mundo do podcast, anímate a participar. Os temas preferentes das pezas que se presenten ao premio serán o medio ambiente, a paisaxe, a sostibilidade, o territorio, o patrimonio, a historia, a xeografía, a etnografía, a comunicación oral e a tradición oral. Todos temas do universo oteriano. O idioma será o galego.

As pezas enviaranse ao correo da asociacion: amigos.de.otero.pedrayo@gmail.com entre o 10 de febreiro e o 25 de xullo de 2024.



 Bases 

XXXVI Premio de Novela “Manuel García Barros”

O Concello da Estrada, en colaboración coa Xunta de Galicia a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Editorial Galaxia, convoca o XXXVI Premio de Novela “Manuel García Barros” (Ken Keirades), cunha dotación económica de 9.000 euros.

O prazo de presentación de orixinais remata o 24 de febreiro de 2024.



Bases

XXVIII Premios de Poesía Avelina Valladares

Se che gusta escribir poesía, tes aquí unha oportunidade de demostrar o teu talento. Até o 24 de febreiro terás a oportunidade de participar no concurso de poesía Avelina Valladares. Deixámosche as bases na ligazón.


bases

IV Premio Alberte Quiñoi de de álbum ilustrado


Nesta ocasión trátase de escribir unha historia infantil e de ilustrala. Podédelo facer entre varias persoas (por exemplo, unha pode encargarse do texto e outra das ilustracións) e tedes até o 24 de febreiro para enviar o resultado do voso traballo. Tedes na ligazón o resto da información. Animádevos!!




 bases Alberte Quiñoi

luns, 20 de novembro de 2023

PREMIOS INTERNACIONAIS DE PODCAST "O VELLO DOS CONTOS"


Se tes entre 10 e 18 anos e che gusta o mundo do podcast, aquí tes unha oportunidade para amosar o teu talento. Grava un podcast de entre 3 e 5 minutos sobre a vida e obra de Luísa Villalta ou sobre o patrimonio cultural material e inmaterial de Galicia e/ou do norte de Portugal. O podcast ten que ser gravado en galego respectando a normativa ortográfica da RAG ou en portugués, respectando o último acordo ortográfico. 

Hai premios en metálico (500 euros), lotes de libros para a biblioteca e unha escultura conmemorativa para a aula e outra para o centro, ademais dun diploma acreditativo. 

Anímate a participar!!






martes, 31 de outubro de 2023

CONCURSO DE DECORACIÓN DE CABAZOS NO CIFP A FARIXA

A Santa Compaña volve ao CIFP A Farixa o vindeiro venres, día 3 do mes dos defuntos, para celebrar o Samaín. Participa nos concursos de decoración de cabazas e de "Relatos Espantosos". Haberá premios terroríficos e animación musical diante da cafetaría, entre as 11 e as 12:30. Non teñas medo de vir vestida/o para a ocasión!!! 

Tes as bases no código qr:





luns, 23 de outubro de 2023

CONCURSO DE RELATOS DO SAMAÍN 2023

A EOI de Ourense e o CIFP A Farixa colaboran neste terrorífico concurso de Samaín!! Anímate a participar enviando o teu relato en texto ou audio a dinamizafarixa@gmail.com. Asústanos cun máximo de 150 palabras e leva un premio!! 💀💀😈😈👻👻🎃🎃



BASES


xoves, 5 de outubro de 2023

IV CERTAME DE GALETIKTOKERS 2023

Grava un vídeo en galego de entre 15 e 90 segundos a través de TikTok ou dos Reels de Instagram.  

A temática é libre, polo que podes falar de deportes, humor, música, cine, literatura, etc. 

Tes as bases debaixo do cartaz. Anímate e amósanos a túa creatividade!! Hai seis premios de 300 euros!



BASES galetiktokers

mércores, 24 de maio de 2023

6º Certame de imaxes do patrimonio inmaterial galego-portugués


A asociación cultural e pedagóxica Ponte... nas ondas! trata de contribuír á transmisión do patrimonio cultural inmaterail galego-portugués a través da convocatoria dun certame de fotografías entre o alumnado, establecéndose dúas categorías:

  • Primeira categoría: alumnado de Infantil e Primaria.
  • Segunda categoría: alumnado de Secundaria, Bacharelato e Ciclos Formativos.

As fotografías deben conter imaxes anteriores a 1970, presentaranse dixitalizadas e acompañadas dun texto descritivo. Cada alumno/a participante poderá presentar un máximo de dúas fotografías propiedade da súa familia.

Tamén serán ben recibidas as achegas de persoas ou entidades externas ao sistema educativo, podendo facerse mención ás máis salientables á marxe do concurso.

A maiores, é posible participar no certame cun podcast sobre unha das imaxes presentadas.

Premios:

  • 1º Premio: un ordenador portátil.
  • 2º Premio: unha tableta de 10''.
  • 3º Premio: unha tableta de 8''.
  • Podcast: unha tableta e uns auriculares sen fíos.

Prazo de participación: ata o 23 de xuño de 2023.

Enderezo electrónico para a consulta de dúbidas: ondas@pontenasondas.org.

No seguinte documento pódense consultar as bases do concurso.


BASES



CONCURSO DE MICROVÍDEOS "DE FRONTE Á VIOLENCIA DE XÉNERO"


Preténdese que a través da elaboración do microvídeo a poboación adolescente cree debate, reflexión, mobilización e cambio social sobre o ciberacoso, sexting (envío de contido sexual ou erótico), sextorsión (chantaxe sexual), stalking (acoso), grooming (acoso e abuso sexual de adultos a menores), shaming (avergoñar a alguén polo seu físico), doxing (revelar información privada doutra persoa en liña) ou calquera outra forma de acoso nas redes.
Poderán participar todas as persoas físicas con idades comprendidas entre 12 e 18 anos, de calquera nacionalidade, que se presenten individualmente ou en grupo.
Cada participante só poderá presentar un único microvídeo orixinal e inédito, non premiado con anterioridade nin difundido publicamente antes por ningún tipo de soporte nin canle.
Outorgaranse até 10 premios de 1000 euros.
Tedes de prazo até as 14:00 do 15 de xuño.




 BASES:

xoves, 18 de maio de 2023

PETISCOS DE CIENCIA 2023


A Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Ciencias da USC, co apoio do Servizo de Normalización Lingüística da USC, convoca de novo neste ano 2023 o concurso Petiscos de ciencia de vídeos científicos en galego.

Nesta iniciativa vai poder participar o alumnado da ESO, de formación profesional e de bacharelato dos institutos de Galicia, en grupos de 3 persoas como máximo, coordinados por un/unha docente.

Para facelo, debe presentar un vídeo en galego de entre 30 e 90 segundos, inédito e orixinal, que atenda cun enfoque divulgativo a calquera tema relacionado coa ciencia.

PRAZOS

Os vídeos poden presentarse ata o 15 de outubro de 2023

PREMIOS

1. Agasallo por valor de 200 euros.

2. Agasallo por valor de 100 euros.



 BASES

luns, 15 de maio de 2023

VI Concurso de Booktrailers IES A Pontepedriña

O EDLG do IES compostelán A Pontepedriña organiza o seu VI concurso de Booktrailers. O único que tes que facer e gravar un vídeo curto (de entre 60 e 120 segundos) falando sobre un libro que leras en galego. 

Déixoche as bases por aquí.