O CIFP A Farixa e o CIFP de Vilamarín uníronse este curso para organizar o concurso de Podcast de Samaín, contanto coa colaboración do Departamento de Imaxe e Son da Farixa. Tes as bases debaixo da foto. Anímate a participar!!
luns, 20 de outubro de 2025
mércores, 15 de outubro de 2025
SAMAÍN NO CIFP A FARIXA!!
- Obradoiro de cabazas: o día 30 de outubro, xoves, de 10:00 a 11:30, diante da cafetaría. Trae algunha idea, que o cabazo e o cúter xa o poñemos nós. Poderás votar a través do primeiro código QR. É necesario apuntarse antes enviando un correo a dinamizafarixa@farixa.es indicando nome e apelidos, curso e ciclo.
- Concurso de Podcast: en colaboración co Departamento de Imaxe e Son do CIFP A Farixa e co CIFP de Vilamarín. Tes as bases no segundo código QR.
- Concurso de Microrrelatos: en colaboración coa EOIOU e co CIFP Portovello. Tes as bases no terceiro código QR.
- Decoración de portas das aulas: organiza a Biblioteca do centro. Non fai falla anotarse. Decora a túa aula!!
Concurso de "Relatos Espantosos" do Samaín.
Xa está aquí o Samaín de novo, e o noso instituto, en colaboración coa EOIOU e co CIFP Portovello, pon en marcha unha nova edición do concurso de "Relatos Espantosos" do Samaín. Deixámosvos por aquí as bases.
xoves, 8 de maio de 2025
IV Premio de Literatura Infantil Simbad para o recordo e o alzhéimer
Poderanse presentar a este certame textos orixinais e inéditos escritos en lingua galega e pertencentes a calquera xénero da literatura infantil (novela, poesía, teatro, álbum ilustrado, banda deseñada e novela gráfica).
O premio consisten en 3000 € e a publicación da obra seleccionada, que Agadea se compromete a difundir nas bibliotecas de diversos colexios.
O prazo de presentación de solicitudes iníciase o 6 de febreiro e remata o 1 de xullo de 2015.
XIII Certame de Microrrelatos Feiraco
As narracións que se presenten ao premio deberán estar inspiradas na temática "Galicia: campo de artistas" e ter de protagonista unha cantareira ou pandeireteira.
xoves, 20 de marzo de 2025
RESULTADO DO CONCURSO DE CARTEIS DO 8M
Este é o cartel gañador do Concurso de carteis do 8M 2025 no CIFP A Farixa. Parabéns a Mónica Iglesias López, alumna de 2º de Proxectos de Edificación e moitas grazas a todas as persoas participantes.
martes, 25 de febreiro de 2025
LINGUA DE NAMORAR 2025
BASES
luns, 24 de febreiro de 2025
188º ANIVERSARIO DO NACEMENTO DE ROSALÍA DE CASTRO
O 23 de febreiro celebramos o aniversario do nacemento da escritora compostelá Rosalía de Castro, figura emblemática do Rexurdimento Galego e precursora da poesía española moderna.
É por iso que vos deixamos aquí unha ligazón á súa obra Cantares Gallegos, considerada a primeira gran obra da literatura galega contemporánea, na Biblioteca Virtual Miguel de Cervantes. Desfrutádea!
mércores, 19 de febreiro de 2025
CONCURSO AS COUSAS DO CASTELAO
OITAVO CONCURSO DE MICRORRELATOS
venres, 7 de febreiro de 2025
CONCURSO-KAHOOT SOBRE CASTELAO.
Neste 2025 conmemoramos o 75 aniversario do pasamento de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, político e artista multidisciplinar nacido en Rianxo que foi considerado a gran figura intelectual, política e histórica no nacionalismo antifascista galego. E para lembrar a súa figura no CIFP A Farixa imos ter unha exposición con algúns dos seus debuxos máis notables e con información relevante sobra a vida e obra do autor. Pero, ademais disto, teremos un concurso-kahoot sobre a vida e a obra do autor, que se celebrará no recreo do día 11 de marzo de 2025 e cuxas bases che paso a presentar:
Esta é unha actividade aberta a toda a comunidade educativa.
Celebrarase no recreo no salón de actos.
Tes que traer o teu teléfono móbil.
A persoa que máis acertos teña no kahoot será a gañadora.
En caso de empate, o coordinador do EDLG do CIFP A Farixa formulará unha serie de preguntas ás/aos participantes que empataran até desfacer o empate. Tamén se ofrecerá a posibilidade de compartir o premio se non quixeran desempatar.
O premio consiste nun vale de 50€ a gastar nun dos provedores do centro.
En Ourense, a 7 de febreiro de 2025.
O coordinador do EDLG. Diego Bustillo de la Fuente.
ENTROIDO 2025 NO CIFP A FARIXA!!!
xoves, 30 de xaneiro de 2025
AXUDAS PARA O AUDIOVISUAL GALEGO 2025
A convocatoria anual de subvencións da Xunta á creación audiovisual para a promoción do talento galego neste sector conta en 2025 cunha dotación de 176.000 euros para 11 novas curtas e longametraxes en versión orixinal galega. Segundo as bases publicadas no Diario Oficial de Galicia, con esta contía contribuirase á realización de seis novas curtametraxess con 8.000 euros por proxecto, á posprodución de dúas curtas, con 4.000 euros en cada caso, e á produción de tres longametraxes de dirección novel, con 40.000 euros por filme.
Trátase dunha das liñas de axudas máis lonxevas das que se convocan no seu ámbito a nivel autonómico coa finalidade de favorecer a incorporación da nova creación ao sector profesional. A través delas, búscase dinamizar a xeración de propostas narrativas de especial valor cinematográfico e o enriquecemento cultural de Galicia mediante as distintas formas de expresión audiovisual, ao tempo que se facilita a súa función como instrumento para a promoción da lingua galega.
Para a súa concesión, en réxime de concorrencia competitiva, teranse en conta criterios relacionados coa calidade e creatividade dos proxectos, a viabilidade cinematográfica ou a contribución cultural no ámbito de Galicia. No caso das propostas de posprodución de curtas e de produción de longametraxes, valorarase tamén o potencial de circulación das películas, así como o seu plan de lanzamento e de difusión.
Estas subvencións, que poden solicitarse ata o 24 de febreiro, enmárcanse no programa anual de axudas ao sector que xestiona a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude e que abrangue as diferentes fases do proceso audiovisual: desde o xermolo dos proxectos ata a súa chegada ás pantallas, pasando pola produción, rodaxe, difusión ou comercialización.
XXVII Premio de Novela Manuel García Barros (Ken Keirades)
O Concello da Estrada, en colaboración coa Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a través da Secretaría Xeral da Lingua, e a Editorial Galaxia, convoca o XXVII premio de Novela Manuel García Barros, cunha dotación económica de 9 000 euros.
Poderán concorrer ao premio autoras e autores que presenten orixinais escritos en lingua galega, agás os gañadores das últimas 5 edicións.
O prazo de presentación de orixinais remata o 31 de xaneiro de 2025.
XXIX Edición do Premio de Poesía Avelina Valladares
O Concello da Estrada convoca a XXIX Edición do Premio de Poesía Avelina Valladares co obxectivo de promover o traballo de novos autores e autoras no eido da poesía.
O prazo de presentación de orixinais remata o 31 de xaneiro de 2025.
xoves, 16 de xaneiro de 2025
V PREMIO ALBERTE QUIÑOI DE ÁLBUM ILUSTRADO
BASES
martes, 12 de novembro de 2024
YOUTUBEIRAS + 2024
Neste nova edición (a oitava!), os Premios Youtubeiras traen novidades: renacen como Premios Youtubeiras+ ao abrir a participación ás persoas creadoras de contidos en galego en TikTok e hai novas categorías de premios!
Os premios, cuxas bases están publicadas aquí, repartirán 7500 euros entre as persoas gañadoras de sete categorías: canle de YouTube, canle de TikTok, creación de contidos, revelación, calidade lingüística, rede e premio do público. O prazo de inscrición está aberto até ás 23.59 horas do 15 de novembro e faise a través deste formulario.
Para o Premio do Público, calquera poderá presentar suxestións a través deste formulario até o 15 de novembro. Ninguén poderá propor como candidatos os seus propios vídeos. Con todas as candidaturas recibidas crearase un formulario de votación que se difundirá polas redes sociais de Youtubeiras+ e estará habilitado do 25 de novembro ao 5 de decembro.
martes, 22 de outubro de 2024
CELEBRA O SAMAÍN NO CIFP A FARIXA!!
Este curso temos varias actividades para celebrar o Samaín e seguro que algunha é do teu interese.
Gústache escribir? Apúntate ao concurso de Microrrelatos Terroríficos.
Tes voz radiofónica? Entón o teu é o concurso de Podcast.
Es máis de facer manualidades? Anótate ao concurso de decoración de cabazos ou decora a porta da túa aula.