A Secretaría Xeral de Política Lingüística, o Parlamento de Galicia e o Foro Enrique Peinador convocan a XXVII edición dos Premios de Publicidade en Galego.
Déixovos as bases por aquí abaixo pero fágovos un resumo rápido:
- A quen vai dirixido: ao alumnado que poida desenvolver algún traballo relacionado coa publicidade (entendo que máis que nada será a familia profesional de Imaxe e Son).
- Que se premia: premiaranse os traballos realizados polo alumnado dos centros educativos especializados nalgunha das áreas de coñecemento que teñan que ver coa publicidade durante o curso 2019-2020. Estes centros deberán formalizar tamén a folla de inscrición.
- Cal é o prazo de inscrición e presentación de traballos: o mes de decembro de 2020.
- Formato dos traballos: jpg ou pdf (no caso das imaxes), mp3 (audios) e mp4 con resolución para web, máximo 2G (vídeos).
- Como me inscribo: cubro a folla de inscrición (deixo a ligazón abaixo) e preséntoa a través da a través da sede electrónica da Xunta de Galicia. Para iso, utilizarase o procedemento xenérico PR004A - Presentación electrónica de solicitudes, escritos e comunicacións que non conten cun sistema electrónico específico nin cun modelo electrónico normalizado: https://sede.xunta.gal/detalle-procedemento?codtram=PR004A.
As persoas participantes remitirán os traballos de vídeo ou audio a través de Velaquí ou We transfer e incluirán a ligazón dese envío na folla de inscrición. A dispoñibilidade de descarga nestes repositorios ten que estar garantida como mínimo durante 10 días para permitir a xestión da unidade tramitadora. De ser necesario facilitar un correo electrónico do destinatario para aviso da dispoñibilidade dos proxectos dixitais nos repositorios, utilizarase sxpl.planificacion@xunta.gal. No caso de concorrer ao premio con varios traballos, será obrigatorio presentar unha folla de inscrición por cada un deles.
- Cal é o premio: os premios consistirán na entrega dunha certificación e máis dunha obra artística.
- Que se valora dos traballos:
a) Singularidade da produción (20 %)
b) Impacto na promoción da lingua galega (40 %)
c) Calidade lingüística oral e escrita (20 %)
d) Contido multimedia, para os traballos en Internet (20 %)
- Como sei se gañei/gañamos?: A resolución conxunta dos traballos premiados publicarase nas páxinas web das entidades convocantes.