O Curso de Verán. Humanidades Dixitais: recursos, ferramentas e servizos, organizado polo Instituto da Lingua Galega (ILG) e polo Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes (CITIUS) da Universidade de Santiago de Compostela, terá lugar entre o 15 e o 18 de xullo.
Este curso proporcionaralle ao alumnado os contidos e competencias necesarios para a posta en marcha ou para a participación en proxectos de innovación dixital no ámbito das Humanidades e das Ciencias Sociais. Asemade, permitiralle achegarse a diferentes proxectos de Humanidades Dixitais, particularmente aos desenvolvidos en Galicia, así como coñecer as infraestruturas dixitais de investigación DARIAH e CLARIN.
O prazo de matrícula está aberto desde o 15 de maio até o 5 de xullo. Pode consultarse tanto a información relativa á matrícula coma o programa na páxina do evento.