Faltan só oito días para conmemorar o Día Internacional contra a Violencia de Xénero. Con este motivo imos compartir varias curtas relacionadas con esta lacra.
A semana que vén, concretamente o día 25 de novembro, celebramos o Día internacional contra a violencia de xénero, pero sabes por que se celebra o 25 de novembro? O 25 de novembro de cada ano, moitas cidades acollen manifestacións feministas multitudinarias. Trátase do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, e non se celebra nesta data por casualidade.
En 1981, o Primeiro Encontro Feminista Latinoamericano e do Caribe fixou este día para a concienciación e sensibilización acerca da violencia contra as mulleres, en conmemoración de tres activistas dominicanas. Patricia, Minerva e María Teresa Mirabal foron brutalmente asasinadas o 25 de novembro de 1960 baixo a ditadura de Rafael Trujillo Molina.
Máis tarde, en 1993, a Asemblea Xeral da Organización das Nacións Unidas (ONU) declarou oficialmente esta data como o día internacional contra a violencia de xénero, e emitiu por primeira vez a Declaración sobre a eliminación da violencia contra a muller.
O vindeiro xoves, día 29 de outubro, faremos un obradoiro de cabazas terroríficas co gallo da celebración do Samaín 😈. Farémolo a cuberto, na saída da cafetaría, e mantendo todas as medidas de prevención e protección necesarias nestes tempos de Covid-19. O alumnado que participe nesta actividade voluntaria, que se celebrará de 9 a 11, terá permiso para non asistir a clase mentres dure o obradoiro.
As cabazas serán expostas na entrada do edificio 1 para que todo ser vivinte ou espírito que entre no centro poida observar as vosas maléficas obras de arte.
Para participar avisa a Diego (profesor de FOL), Almudena ou María (profesoras do departamento de Imaxe e Son), Rafael (mantemento) ou a Alexia e/ou Alejandro (alumnado de 1º de obra). O prazo para apuntarse a esta actividade remata o luns, día 26 de outubro.
Ides ter máis medo que cando toca FOL a primeira hora!!
Agora tamén estamos en Facebook, Instagram e Spotify para que poidas seguir as nosas andazas galeguizadoras, colaborar con nós, propoñer ideas, queixarte, suxerir melloras...
Este resume sobre a vida e obra de Ricardo Carvalho Calero foi realizado a partir da guía elaborada polo IES Ferrol Vello de Ferrol (A Coruña): Guía didáctica Letras Galegas 2020
Vida:
Ricardo Carvalho Calero, nado como Ricardo Leopoldo Ángel José Gerardo Carballo Calero no Ferrol o 30 de
outubro de 1910, é unha das persoas máis sobranceiras do século XX
galego, como demostran as súas numerosas publicacións literarias de todos os xéneros, os seus estudos sobre a lingua e a literatura e a súa implicación nas
principais iniciativas culturais do galeguismo no século XX.
Coa súa dona, María Ignacia Ramos,
coa que casou en 1933
Carvalho Calero (dereita), con
Cunqueiro e Fernández del Riego en
Santiago de Compostela
Ricardo Carvalho Calero participou activamente na vida política e cultural de
preguerra, así como na defensa da II República. Foi cofundador do Partido Galeguista
e tivo un papel destacado na campaña a prol do Estatuto de Autonomía.
Ricardo Carvalho Calero residiu en diferentes cidades galegas e en todas deixou a
súa pegada. Ademais, durante a súa época de soldado viviu noutras zonas da
Península como Madrid, Valencia ou Andalucía.
Ricardo Carvalho Calero, como outros integrantes do movemento galeguista de
preguerra, sufriu a represión do franquismo. Estivo dous anos na cadea (mais nun
principio condenárano a doce anos e un día), en Xaén, por defender o sistema
republicano e pertencer ao movemento galeguista.
De 1950 a 1965, Carvalho é conselleiro delegado do Colexio Fingoi, un centro privado en Lugo cunha metodoloxía innovadora, na liña da Escola Nova e da Institución Libre de
Ensinanza, mixto, sen libros de texto, situado nunha contorna rural onde os alumnos
e as alumnas tiñan cadansúa horta e con talleres para promover a aplicación práctica
dos coñecementos na vida cotiá.
Carballo Calero cos primeiros
alumnos e alumnas de Fingoi.
Fonte: Colexio Fingoi
Alumnado de Fingoi representando a adaptación d'O círculo de xiz realizada por Carballo Calero. Fonte: Colexio Fingoi
En 1958, incorporouse á
Real Academia Galega co
discurso Contribución ao
estudo das fontes literarias
de Rosalía.
En 1965, Carvalho Calero, tras retomar as oposicións interrompidas pola guerra,
empeza a dar clase no instituto Rosalía de Castro. Paralelamente exerce a docencia
na Universidade de Santiago de Compostela, onde será o primeiro profesor de Lingua
e Literatura Galega e, desde 1972, é tamén o primeiro catedrático de Lingüística e
Literatura Galega. Nesta época, consciente da necesidade de dotar o alumnado de
manuais para a aprendizaxe, acentúase o seu labor investigador. Froito da necesidade de manuais para o estudo destas materias é a súa Gramática
elemental del gallego común (1966), que chegou a acadar sete edicións.
En 1970 e 1971, participou na redacción das primeiras normas ortográficas e
morfolóxicas do idioma galego da Real Academia Galega e en 1979 presidiu a Comisión
de Lingüística que elaborou as Normas ortográficas do idioma galego publicadas pola
Xunta de Galicia en 1980.
A última etapa da súa vida foi complicada cultural e institucionalmente, a causa da
marxinación a que se viu sometido pola súa defensa das teses reintegracionistas. No entanto, recibiu tamén numerosas homenaxes e recoñecementos, entre eles a Medalla
Castelao ou o nomeamento como fillo predilecto de Ferrol.
Recibindo o nomeamento de fillo predilecto de Ferrol
Monumento a Carvalho Calero
en Santiago de Compostela
Ricardo Carvalho Calero faleceu o 25 de marzo de 1990 en Santiago de Compostela. En 1996, o Parlamento de Galicia nomeouno fillo ilustre de Galicia.
Caricaturas de Carvalho Calero realizadas por Siro.
Obra:
Poesía:
A obra poética de Carvalho Calero recóllese en catro poemarios: Pretérito imperfeito
(1927-1961), Futuro condicional (1961-1980), Cantigas de amigo e outros poemas
(1980-1985) e Reticências... (1986-1989).
As dúas primeiras inclúen os volumes que Carvalho publicara nos anos anteriores
pois, na última década da súa vida, o autor revisou e reeditou gran parte da súa obra
anterior, adaptándoa á norma reintegracionista.
Carvalho Calero considerábase ante todo
poeta. Temas recorrentes na súa poesía,
extensa e variada, son a muller, a saudade da
infancia, a vellez, a guerra e a represión, a
morte, o sentido da vida e a busca do Absoluto
e da transcendencia.
Outras características son a sensualidade e o
erotismo ou a ironía e o escepticismo.
Na poesía de Carvalho son frecuentes as mencións culturais, clásicas e mitolóxicas.
A mitoloxía grega e latina será un tema recorrente na súa obra. Tamén aparece a
miúdo a recreación dos mitos bíblicos, artúricos e xermánicos.
Carvalho só publicou dúas novelas, moi diferentes unha da outra en moitos sentidos:
A xente da Barreira foi a primeira novela en galego
publicada na posguerra. Esta novela entronca coa tradición novelística galega de
preguerra polas súas referencias ao mundo narrativo de
Otero Pedrayo.
Scorpio (1987), a segunda novela de Carvalho Calero,Premio da Crítica de
narrativa galega, é considerada pola crítica como unha das mellores obras do século XX en galego. Con tintes autobiográficos, narra a vida dun mozo ferrolán que estuda no Santiago de Compospela de antes da Guerra Civil, e acaba loitando no bando republicano durante o conflicto bélico.
Booktrailer da novela Scórpio que realizaron na produtora Illa Bufarda:
Carvalho Calero escribiu outros textos
narrativos, que foron compilados no volume Narrativa completa (1984). Esta
publicación recolle, xunto coa primeira novela, revisada, os seguintes relatos: Os
señores da Pena, O lar de Clara, As pitas baixo a chúvia, Os tumbos, A cegoña e Aos
amores seródios.
Teatro:
Coincidindo coa súa estadía en Fingoi, Carvalho Calero escribiu e representou co alumnado as súas obras teatrais, entre as que podemos salientar: Farsa das zocas, A arbre, O auto do prisioneiro ou Os xefes.
Ensaio:
Carvalho Calero tamén foi un estudoso da lingua e literatura galega. As obras máis salientables son Historia da lireratura galega contemporánea (1963), Gramática elemental del gallego común (1966), Sobre lingua e literatura galega (1971) ou os Estudos rosalianos (1979).
Feiraco, en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística, organiza o IX Certame de Relatos Breves con motivo das Letras Galegas 2020. (Bases legais)
xoves, 23 de abril de 2020
23 de abril: DÍA DO LIBRO
As bibliotecas públicas da Xunta celebran o Día do Libro cunha programación online para o fomento e dinamización da lectura: Día do libro
A Xunta de Galicia puxo en marcha neste periodo de confinamento o proxecto #aculturasegue, cuxo obxectivo é difundir a través contidos multimedia un conxunto diverso de temas monográficos relacionados coa cultura e a lingua en Galicia.
xoves, 13 de febreiro de 2020
CONVOCATORIA 2020 DE PREMIOS A PROXECTOS DE FIN DE CICLO REDACTADOS E DEFENDIDOS EN GALEGO.
O Equipo de Dinamización da Lingua Galega do CIFP A Farixa convoca os primeiros premios a proxectos de fin de ciclo redactados e defendidos en galego, co obxectivo de contribuír á normalización da lingua galega no ámbito académico.
Non é necesario inscribirse para participar: poderá acceder automaticamente a estes premios todo o alumnado matriculado no CIFP A Farixa no curso 2019/2020 cuxos proxectos cumpran as bases. Premiaranse ata un máximo dun proxectopor cada ciclo superior LOE presente no centro:
Proxectos de Edificación.
Sistemas de Telecomunicacións e Informáticos.
Eficiencia Enerxética e Enerxía Solar Térmica.
Guía, información e Asistencia Turísticas.
Axencias de Viaxes e Xestión de Eventos.
Produción de Audiovisuais e Espectáculos.
Ensinanza e Animación Sociodeportiva
Cada premio consistirá nun vale regalo de cincuenta euros (50,00€) para material informático e/ou de oficina. As bases completas descríbense no seguinte documento: Bases