mércores, 12 de maio de 2021

Xela Arias. Letras Galegas 2021.

Este ano dedicamos o Día das Letras Galegas a Xela Arias Castaño, e con tal motivo, dende Dinamiza Farixa (EDLG), estamos facendo unha serie de actividades para honrar á escritora de Sarria.


Deixámosche por aquí información sobre as actividades que estamos a facer para que coñezas mellor a Xela:

- Exposición virtual de Xulio Gil. Podes ver esta exposición no facebook de dinamizafarixa (aínda que non teñas facebook).

- Musicando a Xela: podes escoitar "Intempériome", o novo tema de "A banda da loba", no Spotify de dinamizafarixa, na lista colaborativa "Na Farixa, en Galego!". Se prefires ver o vídeo, aquí tes a ligazón: Intempériome (A banda da loba).

- Exposición divulgativa sobre Xela Arias no patio cuberto, diante da cafetaría do CIFP A Farixa, a semana do 17 ao 21 de maio.

- Concurso sobre Xela Arias a través de Kahoot. (Le mañá todos os detalles no facebook de dinamizafarixa).

- Ademais, dende dinamizafarixa, convidámoste a que pases pola biblioteca para ler uns libriños que compramos esta semana: 

    - Poesía reunida. Xela Arias.

    - Intempériome (Edición Especial Letras Galegas 2021). Xela Arias.

    - Darío a diario. Xela Arias.


xoves, 11 de febreiro de 2021

Concurso de disfraces 2021 no CIFP A Farixa!!!

Un vale de 50 eurazos para gastar en Nikis Ourense!!! Que!!!??? UN VALE DE 50 EURAZOS PARA GASTAR EN NIKIS OURENSE!!

Que hai que facer?
1. Vén o venres disfrazada/do ao instituto.
2. Vai ao photocall que hai diante da cafetaría.
3. Tira unha foto.
4. Sube a túa foto a Facebook, IG ou TikTok coa etiqueta #dinamizafarixa.
5. Se non tes perfil nas redes sociais envía a túa foto co teu nome e curso a dinamizafarixa@gmail.com
6. A persoa gañadora levará un vale de 50 euros para cambiar en Nikis!!

luns, 8 de febreiro de 2021

ENTROIDO 2021

 

Este curso está sendo un pouco tristón polos motivos que todas/os coñecemos, pero o Entroido é sinónimo de alegría, así que fai caso ao Meco e participa no concurso de disfraces do CIFP A Farixa. O mellor disfrace recibirá un premio!!

martes, 1 de decembro de 2020

XXVII Premios de Publicidade en Galego

A Secretaría Xeral de Política Lingüística, o Parlamento de Galicia e o Foro Enrique Peinador convocan a XXVII edición dos Premios de Publicidade en Galego​.


Déixovos as bases por aquí abaixo pero fágovos un resumo rápido: 

- A quen vai dirixido: ao alumnado que poida desenvolver algún traballo relacionado coa publicidade (entendo que máis que nada será a familia profesional de Imaxe e Son). 

- Que se premia: premiaranse os traballos realizados polo alumnado dos centros educativos especializados nalgunha das áreas de coñecemento que teñan que ver coa publicidade durante o curso 2019-2020. Estes centros deberán formalizar tamén a folla de inscrición.

- Cal é o prazo de inscrición e presentación de traballos: o mes de decembro de 2020.

- Formato dos traballos: jpg ou pdf (no caso das imaxes), mp3 (audios) e mp4 con resolución para web, máximo 2G (vídeos).

- Como me inscribo: cubro a folla de inscrición (deixo a ligazón abaixo) e preséntoa a través da a través da sede electrónica da Xunta de Galicia. Para iso, utilizarase o procedemento xenérico PR004A - Presentación electrónica de solicitudes, escritos e comunicacións que non conten cun sistema electrónico específico nin cun modelo electrónico normalizado: https://sede.xunta.gal/detalle-procedemento?codtram=PR004A.

As persoas participantes remitirán os traballos de vídeo ou audio a través de Velaquí ou We transfer e incluirán a ligazón dese envío na folla de inscrición. A dispoñibilidade de descarga nestes repositorios ten que estar garantida como mínimo durante 10 días para permitir a xestión da unidade tramitadora. De ser necesario facilitar un correo electrónico do destinatario para aviso da dispoñibilidade dos proxectos dixitais nos repositorios, utilizarase sxpl.planificacion@xunta.gal. No caso de concorrer ao premio con varios traballos, será obrigatorio presentar unha folla de inscrición por cada un deles.

- Cal é o premio: os premios consistirán na entrega dunha certificación e máis dunha obra artística.

- Que se valora dos traballos:

a) Singularidade da produción (20 %) 
b) Impacto na promoción da lingua galega (40 %) 
c) Calidade lingüística oral e escrita (20 %) 
d) Contido multimedia, para os traballos en Internet (20 %)

- Como sei se gañei/gañamos?: A resolución conxunta dos traballos premiados publicarase nas páxinas web das entidades convocantes.

Bases.

Ficha de inscrición.

venres, 20 de novembro de 2020

O mundo ao revés?

Achegámonos ao 25 de novembro, Día Internacional contra a Violencia de Xénero, e parécenos interesante que vexades esta impactante curta francesa. Convidámosvos a que opinedes sobre o vídeo e sobre o problema que supón a violencia de xénero.
AVISO: o vídeo contén imaxes que poden ferir a sensibilidade do espectador.





martes, 17 de novembro de 2020

25 de novembro: Día Internacional contra a Violencia de Xénero

 


Faltan só oito días para conmemorar o Día Internacional contra a Violencia de Xénero. Con este motivo imos compartir varias curtas relacionadas con esta lacra.

25 de novembro: Día Internacional contra a Violencia de Xénero

A semana que vén, concretamente o día 25 de novembro, celebramos o Día internacional contra a violencia de xénero, pero sabes por que se celebra o 25 de novembro? O 25 de novembro de cada ano, moitas cidades acollen manifestacións feministas multitudinarias. Trátase do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, e non se celebra nesta data por casualidade.

En 1981, o Primeiro Encontro Feminista Latinoamericano e do Caribe fixou este día para a concienciación e sensibilización acerca da violencia contra as mulleres, en conmemoración de tres activistas dominicanas. Patricia, Minerva e María Teresa Mirabal foron brutalmente asasinadas o 25 de novembro de 1960 baixo a ditadura de Rafael Trujillo Molina.
Máis tarde, en 1993, a Asemblea Xeral da Organización das Nacións Unidas (ONU) declarou oficialmente esta data como o día internacional contra a violencia de xénero, e emitiu por primeira vez a Declaración sobre a eliminación da violencia contra a muller.





martes, 27 de outubro de 2020

xoves, 22 de outubro de 2020

Samaín: obradoiro de decoración de cabazas.


O vindeiro xoves, día 29 de outubro, faremos un obradoiro de cabazas terroríficas co gallo da celebración do Samaín 😈. Farémolo a cuberto, na saída da cafetaría, e mantendo todas as medidas de prevención e protección necesarias nestes tempos de Covid-19. O alumnado que participe nesta actividade voluntaria, que se celebrará de 9 a 11, terá permiso para non asistir a clase mentres dure o obradoiro.

As cabazas serán expostas na entrada do edificio 1 para que todo ser vivinte ou espírito que entre no centro poida observar as vosas maléficas obras de arte.

Para participar avisa a Diego (profesor de FOL), Almudena ou María (profesoras do departamento de Imaxe e Son), Rafael (mantemento) ou a Alexia e/ou Alejandro (alumnado de 1º de obra). O prazo para apuntarse a esta actividade remata o luns, día 26 de outubro.

Ides ter máis medo que cando toca FOL a primeira hora!! 

martes, 20 de outubro de 2020

Estamos nas redes sociais!!

 Bo día!!🙋


Agora tamén estamos en Facebook, Instagram e Spotify para que poidas seguir as nosas andazas galeguizadoras, colaborar con nós, propoñer ideas, queixarte, suxerir melloras...

Facebook: dinamizafarixa

Instagram: dinamizaogalegonafarixa

Spotify: dinamizafarixa

Que agardas?? Séguenos!!