luns, 24 de xuño de 2019

Gañadores dos premios aos proxectos de fin de ciclo en galego

O día 20 de xuño, dentro da gala de graduación de fin de curso, fíxose a entrega dos premios aos alumnos e alumnas que resultaron gañadores dos I premios a proxectos de fin de ciclo redactados e defendidos en galego.
Os gañadores e gañadoras de este primeira convocatoria foron:
  • CS de Mantemento Electrónico: Óliver Formoso Sánchez
  • CS de Guía, información e Asistencia Turísticas: Óscar Gesteira Estévez
  • CS de Axencias de Viaxes e Xestión de Eventos: María José Salgado
  • CS de Produción de Audiovisuais e Espectáculos: Iria Rivero Conde
O premio consistiu nun diploma e en vale de 50€ para material didáctico (papelería e/ou informático).
Noraboa aos gañadores e gañadoras!





luns, 13 de maio de 2019

DÍA DAS LETRAS GALEGAS 2019

Antonio Fraguas Fraguas
O día 16 de maio celebraremos o Día das Letras Galegas 2019 cun pequeno acto en homenaxe a Antonio Fraguas. Podedes ler aquí  a súa biografía oficial que publica a RAG.
Dentro das actividades desenvolvidas este mes centradas nas Letras Galegas,  exponse no hall de entrada do instituto un resumo da vida e obra do homenaxeado este ano.
Ademáis, está en marcha o concurso de "O libro misterioso", do cal tendes as bases publicadas nos carteis repartidos polo instituto e neste blog.
Para rematar, o día 16 realizarase o acto central do Día das Letras Galegas con actuacións musicais, o concurso Acerta e Gana e a entrega do premio ao ganador ou ganadora do concurso "O libro misterioso".
Lembrade: o día 16 de maio, no salón de actos, ás 11:30.

xoves, 25 de abril de 2019


Dentro das actividades programadas co motivo da celebración do Día das Letras Galegas 2019, o Equipo de Biblioteca xunto co EDLG do CIFP A Farixa organizan O libro misterioso, un divertido xogo de motivación á lectura.

En que consiste? É moi fácil, só tedes que adiviñar cal é o libro misterioso do que imos dando pistas.

Se o atopades, enviar correo a olibromisterioso@farixa.es indicando: Título, autor e número de rexistro do libro na biblioteca.
  • O gañador será o primeiro correo recibido coa resposta correcta antes do 14 de maio.
  • Máximo de 2 correos por alumno/a que deberá indicar: Nome, Apelidos e Curso.
  • Pistas: Na porta da Biblioteca ás 11:15 horas os días: 29 de abril, 2,3,6,8 e 10 de maio.
  • Premio: Un vale para compra de material.

venres, 5 de abril de 2019

Co gallo do 150 aniversario do descubrimento do Sistema Periódico de Dmitry Mendeleev en 1869, na 72ª Sesión da Asamblea Xeral das Nacións Unidas proclamouse 2019 como  Ano Internacional da Táboa Periódica de Elementos Químicos (IYPT 2019). 
O Consello da Cultura Galega uníuse a esta celebración, e este 14 de marzo  comunicou que xestá dispoñíbel para a súa descarga, en formato PDF, a primeira táboa periódica dos elementos químicos en galego.
Podes descargala facendo click na imaxe:



xoves, 14 de febreiro de 2019

Premios a proxectos de fin de ciclo

CONVOCATORIA DE PREMIOS A PROXECTOS DE FIN DE CICLO REDACTADOS E DEFENDIDOS EN GALEGO.
O Equipo de Dinamización da Lingua Galega do CIFP A Farixa convoca os primeiros premios a proxectos de fin de ciclo redactados e defendidos en galego, co obxectivo de contribuír á normalización da lingua galega no ámbito académico.

Non é necesario inscribirse para participar: poderá acceder automaticamente a estes premios todo o alumnado matriculado no CIFP A Farixa no curso 2018/2019 cuxos proxectos cumpran as bases.
Premiaranse ata un máximo dun proxecto por cada ciclo superor LOE presente no centro:
  • Proxectos de Edificación.
  • Mantemento Electrónico.
  • Sistemas de Telecomunicacións e Informáticos.
  • Eficiencia Enerxética e Enerxía Solar Térmica.
  • Guía, información e Asistencia Turísticas.
  • Axencias de Viaxes e Xestión de Eventos.
  • Produción de Audiovisuais e Espectáculos
Cada premio consistirá nun vale regalo de cincuenta euros (50,00€) para material informático e/ou de oficina.
As bases completas descríbense no seguinte documento: Bases

mércores, 5 de decembro de 2018

Entrega de premio ao gañador de relatos de samaín



Onte fíxose a entrega do premio ao gañador do concurso de relatos curtos de Samaín, o alumno Bruno Mileo da Costa, por parte do director da Farixa e o cordinador do EDLG.
O premio consiste nun vale de 40€ para material informático nunha tenda de Ourense. Esperamos a vosa participación nas novas actividades que se propoñan por parte do EDLG e do resto do centro. 

martes, 27 de novembro de 2018

Ganador do concurso de relatos do Samaín

O EDLG da Farixa decide proclamar como relato vencedor do concurso "A maxia do amor". O autor do relato débese por en contacto do coordinador do EDLG.

Esperamos que para o próximo ano paticipedes máis xente!

luns, 29 de outubro de 2018

A maxia do amor

Érase unha vez unha meiga moi meiga, era xoven e branca, cos ollos azuis da cor do zafiro. Vivía nunha cabana de madeira no alto dun monte frondoso e escuro dunha remota aldea de Galicia. Tódolos días baixaba a aldea, pra mercar o que precisaba para as súas pocións. Nadie no pobo sabía que era unha meiga, nin o imaxinaban porque ela disimulabao vestindo coma a xente normal, deixando o seu vestido negro e o seu sombreiro piramidal na casa xunto a súa escoba que non só servía pra barrer. Ise día non buscaba nada en especial, quería mercar unhas laranxas. Estabaas collendo cando a súa man topouse ca doutra persoa, apartouna e mirou pra diante, esa persoa era un xoven co cabelo escuro e ollos grises que a encandilou ao momento co seu ollar. Presentaronse e falaron, de seguido conectaron e ela invitouno a súa casa, él aceptou. Ela preparou a cea, colleu o millor que tiña pola cociña, tocaba coello. O rapaz era moi divertido e ela ríase moito con él, pero sabía que era unha relación imposíbel, ela era unha bruxa. Pero non pensaba resignarse a non poder divirtirse nin poder vivir o amor xuntos, así que decidiu matalo. Quedara dormido despois de faer o amor, era o momento perfecto. Colleulle delicadamente a cabeza cara a atrás e cortoulle o pescozo co seu coitelo máis afiado. Saía moita sangue, unha cor vermella escura bañou as sábanas da cama da bruxa. Pero o seu endiañado plan inda non acabara. Comezou a remexer dúas pocións, unha en cada pota. Unha fumeaba un fume denso e de cor negra, e o outro era máis fino e dunha cor branca, moi branca. Despois de limparlle a ferida e colocalo ben tumbado, introduciulle a poción negra, unha poción que faría que o seu corpo inerte non apodrecera nunca máis. A meiga quedou leda polo resultado, e seguiu coa súa vida cotiá: pola mañá barría e limpaba a casa, pola tarde traballaba en novas pocións e de vez en cando baixaba a aldea mentres que o corpo do xoven seguía na súa cama, alleo ao mundo dos vivos. E así pasaron os meses e xa faltaba pouco para o gran día, o día do Samaín. A praza da aldea encheríase de xente, bailarían e beberían, sería unha gran troula toda a noite. Finalmente chegou e ela disfrazarase de bruxa, o seu traxe orixinal pero un simple disfraz para os mortais. Achegouse ao seu amor e bicouno na frente, pronto espertaría grazas a poción que revive durante un día os mortos, a poción branca. O rapaz non se acordaría de nada pero a meiga recordaríalle que eran mozos e que debían ir o baile de Samaín, o bo da poción era que aturdía a cachola polo que creería todo e non faría preguntas. Deulla e pouco despois dirixironse cara a festa, de camiño foille contando como se conoceran, pero él pouco falaba e tan só asentía, estaba moi aturdido, coma cando estás namorado. O chegar a praza como era de esperar estaba chea de xente disfrazada, había lobishomes, fadas, diaños.. A música comezou a soar e agarradiños bailaron e bailaron, sabendo que ata o próximo samaín non poderían volver a estar xuntos. Unha meiga e un morto vivente, unha parella de conto, dises contos que che fan arrepiar ata o último cabelo do corpo. 

FIN

martes, 16 de outubro de 2018

Concurso de Samaín

Acércase o 31 de outubro e temos que aproveitar para promocionar a celebración do Samaín cun concurso de decoración de cabazos e de relatos curtos de medo.!

O Samaín é a festa de orixe celta do fin do verán e de lembranza dos difuntos , que no cristianismo derivou na festa de Difuntos (ou día de Todos os Santos), e que na América anglosaxoa convertíuse na festa de Halloween.

Se queredes saber máis acerca do Samaín, podedes ver esta unidade didáctica do CEIP Antonio Insua Bermúdez de Vilalva: O Samaín


Bases xerais:
  1. Participantes: poderá participar todo o alumnado do CIFP A Farixa.
  2. Premios: o premio para ambas categorías consiste en sendos vales de 40 € para material informático. 
  3. Xurado: estará composto polos membros do EDLG de A Farixa. 
  4. Voto popular: ademáis dos votos emitidos polo xurado, otorgarase un voto popular ao cabazo e ao texto máis votados no blog do EDLG polo alumnado do centro. Para votar por un dos cabazos ou un dos textos, haberá que facer un comentario na entrada correspondente do blog, indicando o nome e o curso do votante. Podedes votar ata o día 9 de novembro. 
  5. Publicación do cabazo e relato gañadores: faranse públicos no blog do EDLG a partir do 13 de novembro. 
  6. Os participantes aceptan a difusión de imaxes dos cabazos e dos textos presentados a concurso, co fin de dar a coñecer as actividades realizadas.


 Bases do concurso:
  1. Poderá participar todo o alumnado do CIFP A Farixa, ben individualmente ou en grupos de 4 alumnos ou alumnas como máximo.
  2. Por razón de espazo, o cabazo debe ter un tamaño moderado.
  3. Será gañadora a decoración máis orixinal e terrorífica.
  4. Os textos, se os hai, deberán estar en galego.
  5. É necesario inscribirse antes do 26 de outubro enviando nome e curso dos ou das participantes ao correo edlg@farixa.es co asunto concurso de cabazos.
  6. É necesario traer os cabazos o lúns 29 para colocalos no lugar escollido para a súa exposición ata o día 31; ao finalizar as clases o día 31, deberán ser retirados.
  7.  No blog do EDLG se publicará unha reportaxe fotográfica dos cabazos presentados.


 Bases do concurso:
  1. Temática: debe ser un relato orixinal sobre o medo, terror,... preferentemente usando as figuras da nosa cultura popular (lobishomes, diaños, meigas, Santa Compaña, mouros, fadas, etc...)
  2. Formato: o relato terá unha extensión máxima de 1 páxina , en letra Arial, tamaño 12 e debe estar escrito en galego.
  3. Entrega: farase en formato informático, enviando o texto adxunto ao correo electrónico edlg@farixa.es, especificando nome do autor ou autora, curso e título do relato.
  4. Prazo: os relatos poderanse enviar ao email indicado ata o 28 de outubro.
  5. O día 29 todos os relatos recibidos serán publicados no blog do EDLG.


Benvida

Saúdos. Benvidos ao blog do Equipo de Dinamización da Lingua Galega do CIFP A Farixa. Esperamos que vos unades e colaboredes nas actividades que iremos desenvolvendo ao longo do curso. Tamén esperamos os vosos comentarios e propostas para fomentarmos a lingua e cultura galega.